7.6.11

A/O Foco


Que lle ía facer? Só conseguía enfocar aquilo. Facía un ano que me diagnosticaran miopía. Un defecto ocular. Unha tontería. Era certo, unha tontería. Miopía. Para que quería ver máis se detrás túa só había unha parede que nin tan sequera era branca. Imposible definila, para que vela? Ti eras o importante naquel momento. E, curiosamente, ti estabas á distancia axeitada.

Pero non á distancia perfecta. Co paso dos días descubrín que á distancia perfecta non estabas ti. Todas as tardes me poñía na mesma beira da cama e coa vértebra terceira esquerda no beiril dereito. O mesmo ángulo. A mesma inclinación corporal tamén. Ti e a túa orella. Ti e a túa orella a foco.

Pero o foco era outro. Ti só eras o xusto medio. Pobre aristotélico. A idea era outra. O resto desenfocado. Ti a foco. E o foco no teu ollo, hipermetropiado.

Que mala sorte! O único que vía claro
, tarde tras tarde, é que ti nunca eras quen de verme.

4.9.10

A "CASULAS"

o xoves fomos apañar á millás para as vacas. fomos no-los dous e un par de veciños. unha parella para ser máis exactos. el sempre me chama "raparigha". gústame que me chame asi. sempre que escoito "raparigha" sei que é el quen me fala. a súa muller disque está louca. non louca coma a súa cuñada. esa está louca de todo, non rega. a esta só lle falta unha primavera, non 4, coma esoutra: esta, somentes é unha toliña.

pero, con ser somentes unha toliña, non fala. só ri. iso sí, ri moito. moitísimo. e anda moi, moi lixeira. cando eu era pequena, tanto ela coma a súa irmá, tanto a louca coma a toliña, baixaban cara ao tundal con todas as súas primaveras ás costas e parecía non pesárenlles nada. agora que lles faltan unhas cantas, todo lles pesa un mundo. as súas pernas están fraquiñas e os buracos do naris encolleron tanto que o aire apenas si ten oco para entrar. ansían. pero, demo!, a toliña aínda anda ás présas.



namentres apañabamos a millás, viu unhas cantas casulas podres no medio do chan e ali foi, direitiña, a apañalas. miroume cun sorriso e cun ramallo de casulas na man. tiñades que vela. queria volver ao altar. o seu marido, en troques, arrincoullas da man e volveunas á terra: ei raparigha! ela quedou chantada ali e, por vez primeira, non sorría.

ao marchar, collin unha casula do chan con idea de meterlla no peto á toliña para que non ficara tan triste. sen embargo, ali estaba ela, co seu sorriso de novo. e pensei que quizais eu precisara mais daquela casula ca ela.

cando subiamos de novo polo tundal, a toliña levaba o refaixo cheo de casulas.

1.9.10

33L A R G O S

pechei a porta sen facer ruido, non por ela, por min. estaba cansa de tanto ruido. tiña duas opcions e escollin facer 33 largos na piscina. sempre eran 33 porque era enton cando sentia que xa cavilara o suficiente como para quitar as gafas de buceo que me apreixaban as ideas que constantemente saian a superficie e se volvian somerxer. hoxe as brazadas foran tan rectas, case sempre me torcia. hoxe non. case sempre me torcia pero hoxe...

sorrin.

cando marchaba dali collin a bici porque as pernas ainda non cavilaran. autoflaxelarse? non sei? quizais... en absoluto, non. collin a bici para autoflaxelarme as pernas. pero puxen unha melodia que me dera pracer na parte que xa cavilara. que cavilen as pernas. eu na miña bici. e as pernas estremeceron de pracer ao ver que estabas ali. non tiñan que facer nada mais que seguir en liña recta. enton, seguindo en liña recta, pasaria por diante tua e, sen poñer intermitente, veriasme o cu. sen mais. hoxe podiamo permitir. so habia que seguir recto. pero as pernas non quixeron autoflaxelarse mais. e torcinme. torcinme si. e mireite. e souben que, maña, teria que volver á piscina.